martes, 29 de junio de 2010

ESQUERDA UNIDA REXEITA O DECRETAZO INXUSTO E INXUSTIFICABLE DO GOBERNO DO PSOE




ESQUERDA UNIDA REXEITA O BRUTAL RECORTE DE DEREITOS LABORAIS E SOCIAIS DECRETADO POLO GOBERNO DO PSOE

Rexeitamos o brutal recorte de dereitos laborais e sociais decretado polo Goberno do PSOE e chama a MOBILIZACIÓN contra esta agresión sen precedentes aos intereses dos traballadores e as traballadoras.

O recorte salarial ao persoal da función publica, non só rompe o acordo alcanzado cos sindicatos máis representativos, senón que fai caer sobre este sector os maiores sacrificios coma se fosen os culpables da crise. O incumprimento na revalorización das pensións e o carácter retroactivo das axudas á Dependencia, afecta aos sectores sociais máis desfavorecidos no noso país. Os obstáculos establecidos para a xubilación parcial, significa pechar unha das poucas portas de entrada para que os traballadores/as máis novos atopen un traballo estable. O paro xuvenil alcanza o 40% da poboación activa correspondente e nestes momentos estanse deixando na rúa a miles de traballadores e traballadoras que por idade lles resulta practicamente imposible atopar traballo. Respecto da restrición de medicamentos, no canto de reducir os grandes beneficios que obtén a industria farmacéutica, cunhas marxes indecentes, recorta novamente os tratamentos das persoas enfermas.
.A reforma laboral regresiva aprobada polo goberno pretende o abaratamento do despido e a desregulación das relacións laborais, para beneficio dos que mandan neste país: a banca, tanto española coma extranxeira, e as grandes empresas multinacionais.

A todo isto haberá que sumarlle o efecto dos recortes na comunidade autónoma, nos xa asfixiados concellos. Haberá que engadir tamén a suba da electricidade (28% dende 2008) e outros artigos en mans de monopolios privatizados; engadir a suba do IVE ó 18%.
As medidas do Goberno do PSOE, que o PP e certos nacionalistas comparten, son antisociais e chamadas ao fracaso; vai xerar máis desemprego ao reducir o consumo e crear máis incerteza social.

ESQUERDA UNIDA defende:
Eliminación dos paraísos fiscais onde se blanquean diriamente cantidades inxentes de diñeiro negro e se evaden impostos.
Unha banca pública que substitúa á banca privada que nos esquilma, banca privada que captou miles de millóns do estado (públicos) para sanear os seus balances, vendéndolle ó estado pisos invendibles, provocando o déficit que agora temos.
Unha fiscalidade progresiva que cargue ós grandes patrimonios; que elimine as SICAV onde as grandes empresas (ZARA e outros) evitan impostos; que suba o tipo marxinal da xente máis rica.
Reparto do tempo de traballo, coa semana de 35 horas por lei, porque o crecemento ten límites e para acabar co paro.
Para lograr esta política de esquerda é necesario que a FOLGA XERAL convocada para o 29 de setembro por CCOO, UXT e outros sindicatos sexa un éxito.

Para colaborar no éxito da Folga Xeral convocada,
¡ACUDE CONNOSCO Á MANIFESTACIÓN CONVOCADA POR VARIOS COLECTIVOS QUE TERÁ LUGAR HOXE, DÍA 29, MARTES, EN VIGO, ÁS 20 H. DENDE O CRUCE DA DOBLADA!.

A Guarda, 29 de xuño de 2010.

No hay comentarios: