lunes, 31 de mayo de 2010

Entrevista publicada no XORNAL DIARIO do Domingo 30-05-2010 ao XEFE DE TRÁFICO DE GALICIA



• GALICIA
José Hermida: “A Garda Civil non multa a ninguén, só denuncia porque senón sería a xungla”

O xefe de Tráfico sinala como condicionantes para a condución en Galicia “a dispersión, a orografía e o clima”

SONIA DAPENA

José Hermida: “O Goberno non quere nada de transferir competencias policiais”

Sincero como poucas persoas cando pasan a ocupar cargos de importancia, o novo xefe do sector de Tráfico da Garda Civil de Galicia, José Hermida Blanco, ten que enfrontarse a unhas estatísticas de vítimas que o seu antecesor no cargo, José Luis Ulla, conseguiu reducir nun 50%. No entanto, e aínda que lamenta que os axentes están mal vistos pola sociedade, segue a apostar pola seguridade viaria e a formación dende cativos.

O pasado martes entrou en vigor a nova lei de tráfico e xa comezaron as críticas dos condutores que, en xeral, diríxense cara a un suposto interese recadador da normativa. A Garda Civil de Tráfico estará aí para estes asuntos?
A Garda Civil non multa a ninguén, a Garda Civil só denuncia. A multa vén da denuncia que dá lugar a un expediente sancionador, pero ti tes dereito a facer alegacións e se non estás conforme podes chegar ata o contencioso. Non estás indefenso ante a multa.

Pero os gardas son os que deben entregar esas multas.
A efectos de simplificar e axilizar o proceso conferíronnos a condición de denunciantes notificadores e xa temos que poñer no boletín de denuncia, que aínda non é resolutivo, o importe da sanción e o número de puntos que se detraen. Conste que para min denunciar é unha das cousas máis duras e violentas que podes ter nesta profesión, aínda que alguén ten que facelo porque senón isto sería a xungla. Algúns asumen as denuncias pero son os que menos, outros cóntanche que teñen fillos, que están no paro... pero se te deixaras influenciar por eses criterios sentimentais estarías sendo inxusto cos condutores responsables que asumen a denuncia.

Por iso están tan mal vistos os axentes de tráfico?
O que pasa é que somos os que damos a cara e o 98% das queixas que se formulan no fío de atención ao cidadán son contra os axentes da agrupación de Tráfico. Ademais, a evolución da sociedade prexudicounos en imaxe. Antes non había teléfonos móbiles; os coches e as estradas eran as que eran; había pouco tráfico en moitos puntos e non existía asistencia en estrada, co cal se tiñas unha avaría ou quedabas tirado auxiliábate a Garda Civil, aos que se lles chamaba Anxos da estrada. Tiñamos equipos de auxilio cun ATS e un mecánico e esta labor humanitaria viña a paliar a imaxe negativa da denuncia.

En relación co tema da recadación, como se deciden os puntos onde se instalan radares ou patrullas?
Nós temos un plan de servizos de tráfico que fixa o xefe da unidade en función da sinistralidade. Aos axentes indícaselle unha estrada, uns puntos nos que pode estacionar e de que hora a que hora debe vixiar cada estrada. Logo, por iniciativa propia, poden decidir estacionar noutros lugares ou estar circulando. No caso dos radares hai dous tipos: os fixos, nos que a Garda Civil non ten ningunha intervención, e os móbiles que se establecen en base aos criterios de sinistralidade e de demanda, por exemplo cando un alcalde o solicita. A xente diche que están onde non hai perigo e que deberían estar noutros lugares pero si nos limitamos a vixiar a velocidade só nos puntos de accidentes é como si puxéramos un radar fixo. Ao final saben que estas aí e pasan ben pero os accidentes se trasladan a outros puntos da vía onte antes non había. Tes que poñer o radar noutros puntos que non sexan sitios de alta sinistralidade para recordarlle á xente que pode estar en calquera sitio e respecte o límite de velocidade continuamente.

Cales son as marxes de erro destes aparatos?
As marxes márcaas o Instituto de Metroloxía e márcache entre un 4 e un 10%. No entanto, se infrinxes o límite e se dispara o radar non che vai sancionar dende a marxe de erro, senón dende o límite que estaba establecido. O fabricante o que fai é certificar o equipo.

A velocidade é a principal causa de accidentes en Galicia?
O alcohol e a velocidade son as causas nun 60% ou máis. Fóra doutros casos moi concretos, a culpa hai que atribuíla a erros humanos. No caso dos controis de alcoholemia, non podes montalos onde ti queres, nin no punto que sería operativamente máis útil, porque a lei esixe que sexa nun punto de seguridade para o usuario que ten que estar iluminado, ben sinalizado e debe ter un número determinado de efectivos: todo che vai condicionando. Senón, poderiamos montar un suposto control nun punto e pechar con patrullas todas aquelas vías polas que o podes eludir. Os que máis positivos dan son a xeración entre os 35 e os 55 anos, pero a xente cortouse moito, sobre todo camioneiros ou axentes comerciais porque dependen do coche para vivir.

Existe algunha particularidade galega que marque a sinistralidade?
O condutor galego non é diferente doutros, aquí o que te condiciona é a orografía, as condicións climatolóxicas e a dispersión poboacional. A xente vive en casas illadas e teñen que utilizar o coche para desprazarse e a orografía marca as estradas que teñen moitas curvas. Neste sentido, fixéronse unhas vías novas pero moitas creáronse a partir de corredoiras que primeiro se ensancharon e pasaron a ser pistas e despois se lles botou asfalto e pasaron a ser estradas. Foron evolucionando pero o trazado é o mesmo; iso é o que tivemos sempre. O tema dos atropelos si é unha característica que non ocorre noutros lugares. Eu aínda recordo cando xogaba ao tenis na N-VI en Baamonde e só nos interrompían dous coches nun set: a xente está afeita a moverse polas estradas, pero as vías estreitas comezaron a ter coches e houbo que ensanchalas eliminando a beiravía polo que camiñaban os peóns, que agora teñen que ir pola estrada. Estes peóns ven os coches porque veñen con luces e pensan que dende os vehículos tamén os ven a eles pero non é así.

Outra das peculiaridades da comunidade é a existencia dun importante parque móbil de cuadriciclos.
Os cuadriciclos para min son un atraso bestial. Foi unha imposición europea que non se adaptou ás circunstancias propias. Está moi ben para moverse pola cidade porque non consume, aparcas en calquera lado e anda moi amodo, pero non se pode permitir que saia á estrada. Primeiro, non é un coche porque todo é plástico, dáslle un golpe e queda desfeito e, segundo, os que o compran son os que non puideron quitar o carné. Ademais, os condutores non teñen que pasar o psicotécnico porque os vehículos teñen licenza e matrícula de ciclomotor.

Hai uns días comentaba que ían fixar vixilancia case permanente no corredor do Morrazo, xa a implantaron? Hai outros puntos similares a esta estrada cos que haxa que ter especial coidado?
Xa está o control, dende que se instalou non volveu haber accidentes. O servizo que estamos montando no corredor supón un esforzo moi considerable de xente porque hai servizo practicamente das sete da mañá ata as once da noite con relevos en cada punto e tes que solapar quendas. As mortes debíanse sinxelamente a distraccións polas que invadían o sentido contrario e chocaban frontalmente. No corredor pillamos xente lendo o xornal ou mirando facturas. Despois, en Sarria hai un corredor similar pero non ten tanta sinistralidade. Imaxina que teño un flotador, pínchano por cinco sitios e teño tres parches. Pois o que podo facer e ir poñendo eses parches segundo onde máis perda de aire teño, pero nunca vou ter todo o espazo tapado.

Cre que aínda se pode reducir máis o número de vítimas?
Eu defendo que en Tráfico se salvan vidas, senón non tería cambiado de destino. As miñas metas son reducir os accidentes e as vítimas e cada vez que morre unha persoa é como se morrera alguén da familia. Vas mirando todos os meses os datos. Neste ano a cifra é de 15 falecidos por mes e se non a pasamos vamos ben e baixaremos con respecto ao ano pasado e xa estou falando de 15 vítimas todos os meses en Galicia. Son partidario de potenciar a educación dende cativos, deberían ter algunha materia para os nenos pequenos, pero se queres resultados inmediatos o que funciona é a sanción e a vixilancia.

E a mala sinalización e os puntos negros?
A Garda Civil está denunciando a mala sinalización todos os días, é un dos seus traballos dende a fundación. O primeiro que ten que facer unha patrulla de tráfico cando sae de servizo é recorrer a estrada da súa demarcación que ten encomendada ese día dende o principio ata o final para ver se hai algunha deficiencia. Todo iso particípase a través das xefaturas provinciais aos titulares das vías, sexan autonómicas, das deputacións, dos concellos ou do Estado. Curiosamente facíannos caso poucas veces pero no momento en que saíu na televisión solucionáronse todos os problemas. Está ben que se arranxe pero poderían ternos feito caso antes. Os nosos informes téñense en conta un pouco máis porque a xente púxoo de moda. Cando hai un accidente alleo ao condutor ou ao vehículo e imputable á vía ou pola invasión dun animal, por exemplo, rapidamente os cidadáns solicitan que se lles resarza dos danos e isto supón un gasto considerable para a Administración. Por iso tentan manter as vías en bo estado.

Á marxe da imposición de multas, outro dos tragos que deben pasar os axentes é o de dar malas novas. Como se afronta este proceso?
Xogamos cun hándicap do que teñen moita culpa os xornalistas porque queren a nova ao momento. Nós somos profesionais e non cidadáns da rúa. Eles poden dicir o que queren pero nós somos un organismo oficial que ten que dar informacións fiables e fidedignas e non pasarse en elucubracións. Non podemos dicir que unha persoa está morta ou ferida ata que alguén o certifica. É moi triste cando os familiares coñecen unha morte por un medio de comunicación, polo que non damos ningún dato antes de comunicalo, xa que son os primeiros que teñen dereito a sabelo. No tema de quen o comunica hai dúas posibilidades. Por exemplo, cando morre un veciño nun atropelo e vive preto vai a propia patrulla a comunicalo pero a forma máis habitual, e tamén a máis fría, é a da central a través do teléfono. Creo que fai falla unha formación para as persoas que teñen que dar estas noticias e xa non digo de ter un psicólogo para estes casos porque é un soño. Os propios axentes nos piden cursos deste tipo.

Antes falaba da imaxe dos gardas de tráfico de cara á sociedade, é frustrante que o seu traballo non se valore?
Nalgúns casos si. A Garda Civil está todos os días na estrada salvando vidas pero isto non se pode avaliar. Os de Tráfico son os que menos condecoracións teñen dentro do corpo, malia que son os que pagan o maior tributo en canto a mortos en acto de servizo.

Volvendo á nova lei de tráfico, semella polémico o tema de que se non se pagan as multas se impida vender o vehículo.
Coa norma cando tes catro infraccións non pagadas non podes realizar ningún tipo de xestión documental co vehículo. Onte alguén preguntaba que ten que ver o condutor co coche, pero se non houbese coche non habería condutor. O problema que temos e que hai xente de determinados colectivos que son insolventes ou polo menos figuran así pero teñen cochazos. Cando os denuncias non pagan a sanción, lles da todo igual, e a única medida que podes adoptar é a intervención do vehículo: se é seu o privas de vehículo e se llo prestan, xa terán coidado de non facelo cando saiban que corren o risco de quedarse sen el.

No hay comentarios: