A Xunta Directiva da Asociación San Xerome Emiliani de A Guarda, da que depende o Centro San Xerome, quere transmitir a opinión pública a seguinte información:
1. En primeiro lugar amosar o máximo agradecemento a multitude de entidades sociais, persoas a nivel individual , colaboradores en xeral e ós partidos políticos polo seu apoio e solidariedade coa difícil situación económica pola que está a atravesar a nosa entidade, ofrecendo a súa colaboración e aportando diversas vías de solución.
2. A situación actual, a pesar da aportación de 47.000 € por parte da Xunta, segue a ser de extrema gravedade ; xa que o único que se solventou con esta cantidade é o abono ós traballadores da nómina do mes de outubro, quedando pendentes outros pagos, xa que a débeda actual coa Administración segue a ser a día de hoxe de perto de 200.000 € por diferentes conceptos e servizos.
3. Negar rotundamente a información que está a aparecer en diferentes medios transmitida por parte de representantes da Xunta de Galicia, na que intenta desviarse a atención dos cidadáns alegando fallos na xustificación de diferentes partidas e poñendo en dúbida a realidade da nosa situación.
4. Recoñecer que o único erro na nota informativa anterior na que se denunciaban estes feitos, era a de facer mención a Consellería de Sanidade e Servizos sociais, cando en realidade queríase decir Consellería de Traballo e Servizos sociais que é da que dependen na actualidade algúns dos Servizos do Centro.
5. Solidarizarnos con todas as entidades do sector da discapacidade que están a atravesar unha situación semellante a nosa, e que de seguir demorándose os pagos por parte da Xunta crearán unha situación insostible nun breve prazo de tempo.
A Guarda, 9 de novembro de 2011.
No hay comentarios:
Publicar un comentario